jueves, 9 de abril de 2020

COCIÑA COA CATIVADA

 BISCOITO DE IOGUR

Hoxe volvemos traer unha receita, con tanto tempo en casa podemos aproveitar para cociñar todos xuntos e, ademais, a cociña é unha actividade que trae moitos beneficios.

Para alegrar os nosos almorzos e merendas, queremos ensinarvos a preparar o biscoito de iogur, un clásico básico para iniciarse na repostería que sae sempre ben e que non require (como outras receitas de doces e pasteis) medidas exactas e pesos precisos dos ingredientes, xa que todo se fai a partir da medida dun envase de iogur.

Lembrar as proporcións é moi sinxelo porque aceite, azucre e fariña, (ordenadas alfabeticamente) levan a proporción de 1, 2 e 3, é dicir, unha medida de aceite, dúas medidas de azucre e tres medidas de fariña. Con eses sinxelos ingredientes, un iogur natural ou de limón, un pouco de fermento ou impulsor e tres ovos, temos todo o necesario para facer un biscoito que sempre sae ben.


Ingrediente para 6 persoas:
  •     Iogur natural (pode ser tamén un iogur de sabor limón)
  •     Aceite de xirasol a medida do iogur
  •     Azucre dúas veces a medida do iogur
  •     Fariña de repostería tres veces a medida do iogur
  •     Ovos 3
  •     Fermento químico medio sobre (tipo Royal ou similar)
  •     Manteiga para  untar o  molde

Como facer un biscoito de iogur fácil e  esponxoso

  •     Tempo total 40  m
  •     Elaboración 5  m
  •     Cocción 35 m

Nada é máis fácil que esta receita de biscoito de iogur, sempre que vos acordedes das medidas 1, 2, e 3, aplicadas aos ingredientes ordenados alfabeticamente. Nun  recipiente poñemos o contido dun vasiño de iogur e engadimos tres ovos, unha medida de aceite de xirasol e dúas medidas de azucre. Batemos ben.

Doutra banda, mesturamos a fariña (3 medidas do vasiño de iogur) co fermento e removemos para que se distribúa de modo homoxéneo. Axudados das baleas, imos incorporando aos poucos a fariña sobre o recipiente co resto de ingredientes, deixando que se forme unha masa mentres batemos e engadimos a fariña segundo vaise incorporando.


Entre tanto, quentamos o forno a 180º C durante uns dez minutos e untamos con manteiga un molde de biscoito. Xa só falta envorcar a masa no noso molde e deixar que se enforne sen abrir a porta do forno durante 35 minutos. É importante non abrir para que non baixe a temperatura no interior do forno e non caia o noso biscoito.

Transcorridos 30 minutos podemos abrir rapidamente e verificar o punto de  cocción metendo unha espetada de madeira na masa para comprobar se sae limpa ou sucia. No primeiro caso, o noso biscoito estará listo. Se sae algo sucia, esperamos outros cinco minutos e despois apagamos o forno.